10/08/15

Quen somos



Os nosos montes sufriron unha transición. De ser imprescindibles para a nosa vida (fonte de enerxía, alimento e mesmo farmacias naturais) pasaron a considerarse como simples subministradores de madeira.
Na Comunidade de Montes de Lantaño cremos na multifuncionalidade do monte e traballamos por ela. O noso monte achéganos recursos con valor económico directo pero tamén bens e servizos existenciais imprescindibles aínda que imposibles de cuantificar economicamente. Xera e purifica o aire que respiramos, limpa e depura a auga que bebemos, da corpo as nosas paisaxes, é fogar, refuxio e garante da supervivencia da biodiversidade, achéganos coñecemento e enriquece a nosa cultura.
Tendo en conta esta multifuncionalidade dende a Comunidade de Montes de Lantaño no ano 2012 iniciamos un proxecto de recuperación integral do monte veciñal que busca a compatibilidade de todos estes factores. Retiramos lixo e entullos dos vertedoiros incontrolados, creamos áreas coma a Bouza das Nogueiras, rozamos e recuperamos camiños e plantamos en todo o perímetro árbores frondosas que, entre outros servizos, cumpren a función de devasa verde. Agora o monte tamén ofrece soporte para actividades recreativas e de lecer.


Con estas dúas rutas a Comunidade de Montes de Lantaño ofrece á veciñanza, e tamén aos nosos visitantes, a oportunidade de lembrar, descubrir e dar protagonismo á riqueza do noso patrimonio natural e cultural. Volver a sentir o monte con afecto, coma un aliado e un vello amigo, e comprometerse na súa conservación é o obxectivo final deste proxecto común que vostedes coñecen hoxe pero forma parte dun proceso que sigue evolucionando e crecendo como as nosas árbores.


Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lantaño


Tfno.: Afonso: 646867726

          Xabier: 639893962




https://www.facebook.com/Comunidade-de-MVMC-de-Lantaño