O roteiro
Este roteiro percorre a estrema e antigos camiños do monte común de Lantaño.
No percorrido atópanse puntos de interese como a primeira lagareta rupestre
localizada dentro da subzona Val do Salnés da D.O. Rías Baixas, un antigo pozo
de rego cheo de vida e varios miradoiros cunha ampla panorámica.
Neste percorrido
descubrirá que o monte é máis ca plantacións de árbores, máis ca fábricas de
papel. Se o sabemos coidar o monte é unha fonte inesgotable de materias primas,
alimento, medicinas, lecer, cultura e natureza. O monte é unha parte
fundamental do noso patrimonio.
No camiño atopará os marcos do Monte Veciñal en Man Común de
Lantaño pois, en parte, segue a estrema que separa o monte comunal das parcelas
particulares. Estes marcos levan habitualmente o debuxo da liña na parte
superior indicando a forma da estrema, recta ou en esquina, e a inscrición MP
seguida do número de marco. A inscrición MP deriva de “monte público” pois,
aínda que os montes comunais non o son, cando se deslindaron en 1967 dependían
dos concellos e o ICONA polo que se consideraban públicos. Non foi ata o ano
1982 cando os veciños de Lantaño recuperaron o control do seu monte previamente
usurpado pola Administración.
Acceso
O acceso realízase dende a EP-8004 collendo o desvío sinalizado de Romai, no lugar de Almirante. Atopará o inicio despois de 600 m, á altura da ponte que cruza a AP-9.Para non perderse
Para non perderse deberá estar atento aos marcos de pedra
que delimitan o monte comunal. Iníciase o camiño no marco Nº 421 e segue en
sentido descendente, con pequenos desvíos sinalizados, para rematar de novo
neste punto.